Durante este curso, o PDI que desenvolvemos no centro é "NovenArte - BD" sobre a banda deseñada ou cómic; con tal motivo o xoves, nas aulas de 1º e 2º de Primaria vestímonos coma as personaxes da coñecidísima serie : Os Pitufos.
Mirade que ben luciamos:
Como remate desta semana de entroido, o venres celebrámolo todos xuntos no centro e gozámolo moito pois cadaquén viña co seu disfraz favorito.
Moitísimas grazas familias pola vosa colaboración!
Estes días estivemos traballando nun mural colaborativo de infantil e primaria, con motivo do 25 de novembro no que conmemoramos o "Día Internacional pola eliminación de todas as violencias contra a Muller".
O motivo central do mural é o verso "florecer nas espiñas", da canción "Cruel filosofía" da Banda da Loba, canción que traballamos na aula de música con motivo do 25N.
Tamén elaboramos uns pequenos traballos onde se recollen fermosas palabras que non debemos esquecer nunca: respecto, diálogo, convivencia, igualdade...
Por último, tras o acto diante do Concello, quixemos facer unha foto coas bolsas tan chulas que nos regalaron e que levan o lema "o amor non é ferir. Non sexas machista", para lembrarnos todos os días a necesidade de eliminar todo tipo de violencia contra a muller.
Hoxe, a nai da nosa compañeira Elba, que de profesión é dentista, veunos dar unha charla moi interesante sobre a saúde bucodental.
Aprendimos como limpar ben os dentes, as moas e a lingua con distintos tipos de utensilios: cepillos de dentes manuais e eléctricos, seda dental, cepillos interdentais, flossers...
Tamén insistiu moito nunha alimentación sá e con pouca cantidade de azucre. Sempre pensamos que o azucre só está presente nas chuches pero tamén está nas galletas, no pan de molde, nos iogures bebibles ...
Moitas grazas por colaborar no noso proxecto de Hábitos Saudables!!!
AQUÍ VOS DEIXAMOS UN PEQUENO VÍDEO COAS PALABRAS FAVORITAS EN LINGUA GALEGA DO ALUMNADO DE 2º DE PRIMARIA, NO MARCO DUNHA ACTIVIDADE DESENVOLVIDA POLAS LETRAS GALEGAS.
Durante este período de confinamento, tivemos que adaptarnos a unha nova realidade educativa. Todo un reto que se fixo posible grazas á colaboración do alumnado, familias e profesorado.
Como docentes, cremos na idea de ofrecer ao alumnado actividades que supoñan unha aprendizaxe significativa, que promovan a reflexión, e a través das cales estea presente a emoción.
Hai unhas semanas, o mestre e a mestra de primeiro pediamos ao noso alumnado que escribisen unha carta de apoio a todo o persoal sanitario. Cando recibimos as cartas, a través da nosa plataforma virtual, quedamos sorprendidas do cariño, tempo e esmero que se podía desprender a través dos seus escritos.
Como docentes orgullosos do traballo do noso alumnado non dubidamos en compartilo co persoal sanitario. Para iso, contamos co apoio dunha amiga que fixo de mensaxeira e as cartas puideron chegar ao seu destino.
Deixámosvos un vídeo onde podedes ver que sucede cando os sanitarios do Hospital Álvaro Cunqueiro reciben as cartas duns nenos e dunhas nenas que están empezando a súa andaina no mundo da escritura. Esperamos que isto os impulse e as impulse a seguir escribindo e, sobre todo, que o fagan dende a paixón.
Algunhas das nenas e dos nenos de primeiro quixeron compartir con nós como estaban a levar a corentena. Como podedes ver neste vídeo, están feitas unhas superheroínas e uns superheroes!